Por Gustavo A. Tojo Fernández

Durante a primeira semana de maio tiven a oportunidade de participar, mediante o programa Erasmus KA103, nunha estancia na Frederick University de Chipre. Esta institución ofrece, entre outros estudos que se poden consultar aquí, os títulos superiores en Deseño gráfico e publicitario, Deseño de moda e imaxe ou Deseño de interiores.

Frederick University conta con dous campus: no de Nicosia ofrécense, entre outras, as dúas primeiras titulacións, sendo o campus de Limassol o que acolle os estudos de Deseño de interiores. Recibido por Costas Mantzalos, Erasmus Academic Minister e coordinador do mestrado en Deseño interdisciplinario, e en compañía de Jean-Charles Meunier, profesor da Université Polytechnique Hauts-de-France e participante doutro programa de mobilidade, comezamos a visita asistindo á actividade “Stress free day”, acción experimental para integrar ioga e meditación na vida diaria da comunidade universitaria. Posteriormente fomos recibidos por Varnavas Mytilineos, coordinador Erasmus+, e polo rector George Demosthenous, que nos deron asimesmo a benvida á institución.

De entre as actividades académicas ás que asistín, destacaría en primeiro lugar a clase de Costas Mantzalos sobre postmodernismo, dentro do mestrado en Deseño interdisciplinario, onde se estudan os principais movementos artísticos contemporáneos a través dunha serie de películas clave, ou a presentación de Ioannis Michaloudis sobre esculturas realizadas con “aeroxel”, un nanomaterial desenvolto pola NASA que permite múltiples aplicacións, incluso no campo artístico.

Visitamos asimesmo o campus de Limassol, onde os profesores Kounnis Konstantinos e Merry Anna Louise me mostraron como se desenvolven os estudos de Deseño de Interiores na Frederick University, amosándome unha serie de traballos do seu alumnado en múltiples disciplinas e explicándome os contidos que se traballan en cada ano académico. Pero tamén houbo tempo para as visitas culturais, nas que tiven a oportunidade de coñecer as cidades de Nicosia, Limassol e Lárnaca, ver exposicións no Museo Municipal de Arte de Nicosia, na Bank of Cyprus Cultural Foundation ou na A.G. Leventis Gallery, e como non, degustar certos pratos da gastronomía típica non só chipriota, senón doutras partes do mundo, xa que o país destaca pola súa diversidade cultural.

En definitiva, o balance da experiencia non puido ser máis satisfactorio, agradecéndolle a todos os citados anteriormente o tempo que me dedicaron, especialmente a Costas Mantzalos, e animando tanto ao profesorado coma ao alumnado a participar nos programas de mobilidade Erasmus+.