Categories: Visitas

Todo aquel que pasa pola EASD Ramón Falcón deixa aquí un anaco de si mesmo, e de igual xeito leva para sempre algo da escola con el. Este centro é un segundo fogar de todos os que algunha vez formaron parte del; por iso sempre é un pracer saudar de novo aos nosos antigos alumnos e profesores. O pasado 11 de outubro recibimos de volta a Jaime Pardo, ata hai ben pouco alumno de Fotografía e autor de traballos dos que xa falamos neste blog.

Jaime, que na actualidade é máximo responsable de Imaxina SL, pasou pola escola para impartir unha master class sobre o uso de cámaras DSLR, CSC e Bridge en contextos audiovisuais. Tamén falou das prestacións das cámaras réflex de Canon co software libre e gratuíto Magic Lantern. A continuación, dirixiu un obradoiro práctico sobre estes temas, ofrecendo ademais aos alumnos de Fotografía e Deseño Gráfico asistentes a posibilidade de probar os seus equipos: monopés, estabilizadores de imaxe, sliders…

Desde aquí queremos agradecer a Jaime a súa xenerosidade e a cantidade de consellos que regalou aos que hoxe están onde el estivo ata hai pouco tempo. Recomendacións que, por suposto, xa están a poñer en práctica.

Por outra banda, o pasado 17 de novembro os alumnos de segundo e terceiro curso de Deseño de Interiores pasaron a mañá visitando as instalacións de dúas empresas que traballan con granito, Granitos PCM e Ingemarga. Na primeira coñecemos in situ o moldurado en pedra natural mediante fresadora CNC para mecanizado do material, entre outros procesos. Na segunda, en Guitiriz, puidemos ver de cerca os traballos de serrado do granito, os tratamentos superficiais da pedra, as medidas de sustentabilidade adoptadas pola empresa…

Como sempre, na EASD Ramón Falcón tentamos que a formación sexa o máis próxima posible ao que os nosos alumnos atoparán despois no mundo laboral. Por iso, ademais de garantir prácticas en empresas para culminar os estudos, organizamos con frecuencia obradoiros e visitas de utilidade para aplicar os coñecementos adquiridos nas aulas.