Sempre é un orgullo para todos os que formamos parte da EASD Ramón Falcón de Lugo ver como os nosos alumnos participan con éxito en concursos relacionados coas ensinanzas que adquiren nas nosas aulas. Vimos de recibir boas noticias por partida dobre, porque foron dous os concursos nos que destacaron estudantes da escola.

No I Concurso de Fotografía ‘Mondoñedo en detalles arquitectónicos’, organizado pola asociación Batitales, dous alumnos recibiron o Premio Serie Fotográfica. A gañadora foi Camelia Iglesias Fernández coa serie ‘As portas da Vila’ e o finalista foi Iago Anello Fórneas coa serie ‘Vixías’. Camelia é alumna de Fotografía, mentres que Iago estuda Deseño Gráfico.

Ademais, José Marcos López Álvarez foi un dos gañadores do XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra, organizado polo grupo cinematográfico Fonmiñá en colaboración coa USC. Recibiu o premio á mellor fotografía na modalidade de tema libre por ‘Familia terrícola morta por mor do lixo espacial’.

Por outra banda, o primeiro accésit á mellor fotografía do tema ‘Árbores’ foi para Patricia Fernández Pereira  por ‘O pasar do tempo non é só un reloxo’. Tamén gañou un accésit nesta modalidade José Marcos López Álvarez por ‘Árbore e a sombra dunha casa’. Na modalidade de tema libre, Breogán Alamancos Millán obtivo un accésit pola fotografía ‘Mans’.

Se queres ver algunhas das fotos participantes neste concurso, podes facelo na exposición da capela de Santa María, aberta ata o 20 de novembro. O horario é de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, sábados de 17:00 a 20:00 e domingos de 11:00 a 14:00.