Desde o pasado venres 12 de abril, a exposición ‘Pensar coas mans’ está aberta ao público na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Unha mostra que é unha auténtica invitación a viaxar no tempo a través da artesanía galega, desde a actualidade ata as súas orixes.

A EASD Ramón Falcón participa como colaboradora neste ambicioso proxecto. Así, tres alumnas do CFGS de Cerámica Artística achegan á exposición do Gaiás as súas obras en material cerámico.

  • María Sánchez Castedo aposta polo deseño funcional e presenta un grupo de tres pezas contedores.
  • Iria Pigueiras Vilar, pola contra, achégase a xoiaría. Conxuga porcelana e prata nunha proposta de colgante.
  • María José Santiso Gómez presenta unha obra máis próxima á arte, cunha peza inspirada nos tradicionais remates de tellado que producían os oleiros de Samos.

Cómpre resaltar que o evento celébrase nun contexto de auxe da artesanía, impulsada pola forza do deseño e da arte para converterse en tendencia. Os artesáns galegos están alcanzando un elevado recoñecemento internacional, incluídos varios antigos estudantes da EASD Ramón Falcón de Lugo.

A exposición ‘Pensar coas mans’ pódese visitar no Museo Centro Gaiás ata o 8 de setembro.