Como xa saberedes, o pasado 10 de setembro deixounos un dos máis grandes mestres da tipografía, Adrian Frutiger. O suizo léganos unha obra imprescindible para entender a evolución da tipografía durante as últimas sete décadas; e que, sen dúbida, continuará sendo de obrigada consulta durante moitos anos.

Resumir o inxente traballo de Frutiger nun único post é sinxelamente imposible. O máis que podemos facer é destacar algúns fitos, entre os que non pode faltar o que probablemente sexa o seu tipo máis célebre: Univers, creado en 1957.

Na imaxe superior tamén vedes a tipografía Frutiger, deseñada en 1976 para o sistema de sinais do aeroporto Charles de Gaulle. Como podedes observar, é un tipo sen serif, pensado para facilitar a lexibilidade desde lonxe ou desde cerca aos apurados viaxeiros.

President (1953), Serifa (1967) e Avenir (1988) son outros dos tipos fundamentais creados por Frutiger. Pero por se non bastase, tamén tivo tempo para publicar un bo número de libros, a partir dos cales podemos explorar as súas ideas teóricas. Recomendámosvos consultar este índice da Biblioteca Nacional de Suiza para ver todas as obras das que é autor ou protagonista.

Baixo estas liñas deixámosvos un vídeo en motion graphics que vos axudará repasar a traxectoria de Adrian Frutiger en apenas un minuto e medio. Iso si, os amantes da tipografía seguiremos consultando a súa obra durante moitos anos: por máis horas que lle dediques, de Frutiger sempre aprendes algo.

.