A exposición “Manolo Prieto Hoy, su reinterpretación por 7 escuelas de diseño” inaugurouse o pasado mes de abril e nela móstranse traballos dos nosos alumnos de 3º de Deseño Gráfico. É o resultado final dun proxecto colaborativo ideado polo profesor Juan Aguilar Jiménez onde se aplica a práctica da clase preparatoria de Debuxo de Ilustración de Manolo Prieto. Unha metodoloxía que chega a nós grazas ao plan de estudos redactado por Manolo Prieto: “Pedagogía y metodología de la asignatura de Dibujo de Ilustración en la Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid”, de maio de 1959.

A participación da EASD Ramón Falcón no proxecto xurde despois de asistir a Transferencias Málaga 2016, programa creado pola Red Española de Asociaciones de Diseño (READ) e a Confederación de Escuelas de Arte (CEA), en colaboración con Telefónica I+D e La Térmica-Diputación de Málaga. A Escola participou co traballo realizado polos alumnos de 3º das Ensinanzas Superiores (equivalentes a grao universitario) de Deseño Gráfico, dentro da disciplina de “Proxectos de deseño gráfico II” e coordinados pola profesora Natalia Crecente García.

Os proxectos seleccionados para a exposición foron os realizados polos alumnos Nerea Sampayo, Marcos Pombo, Miguel Costa, Iago Anello e Sara Álvarez. A mostra enmárcase dentro das actividades do 25 aniversario da morte de Manolo Prieto que se están levando a cabo no Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid e coincide coa exposición retrospectiva do seu traballo “Lo que cuenta Novelas y Cuentos. Las portadas de Manolo Prieto 1940-1957”. Nela participaron 7 Escolas de Arte e Diseño (Lugo, Málaga, Cádiz, Murcia, Córdoba, Madrid e Granada), un total de 170 alumnos. Foi un reto moi enriquecedor para un alumnado demasiado afeito ao traballo inmediato co ordenador.

Sara Álvarez - Negligente

Picture 1 of 9

Sara Álvarez - Negligente

O punto de partida foi un fragmento dun dos contos ilustrados por Manolo Prieto, “El canto de la tripulación” de Pierre Mac-Orlan. A partir da súa lectura abordouse primeiro a fase de comprensión, a fin de extraer conceptos evocadores en termos visuais. O termo escollido, base e parte integrante de cada ilustración, deu paso á fase de ideación a través do esbozo de ideas. Na fase de síntese comeza o tanteo compositivo e a adecuación gráfica. Neste momento no que o deseño empeza a coller forma, as decisións formais e compositivas son adaptadas a unha forma caprichosa concreta, a ferradura, a gota ou o triángulo.

Paralelamente a esta fase compositiva encaramos a fase de rotulación, a integración do texto, o concepto, na propia ilustración. Finalizamos o proxecto coa fase de aplicación da cor, cunhas indicacións moi concretas: a paleta de color serían os complementarios vermello/verde, sendo o dominante e o tónico calquera deles e o color de mediación, a elección do alumnado. Tres cores ás que poderiamos engadir o branco e o negro e unha técnica produtiva nova, o gouache.

A ilustración resultante aplicouse a distintos soportes, camisetas, bolsos, zapatillas… e todo o proceso de creación foi recollido nunha web deseñada polos propios alumnos.