O pasado mes de decembro asistimos a unha cita que de ningún xeito podiamos perdernos: as II Xornadas de Arte e Deseño da EASD Pablo Picasso. Os estudantes do CFGS de Fotografía e dos Estudos Superiores de Deseño Gráfico foron os primeiros en visitar A Coruña, o mércores 19.

A xornada comezou cun relatorio sobre escenografías con materiais reciclados a cargo de Suso Montero. Este profesional, recoñecido con numerosos galardóns, compartiu cos asistentes unha selección de algúns dos seus mellores traballos en cine, televisión, teatro e eventos. Pola tarde, Iria Cabrera, Sonia Iglesias e Cris Acuña explicaron a súa interesante experiencia en diversas funcións na realización de stop motion. Unha charla que estivo acompañada por abundantes demostracións prácticas, unha delas coa colaboración de T.J. Ceballos, estudante de Deseño Gráfico na EASD Ramón Falcón de Lugo.

O día seguinte, o xoves 20 de decembro, chegou a quenda do alumnado de Deseño de Interiores. Asistimos a un relatorio de Leonardo Poncia e Raquel Insua para aproximarnos ás complexas estratexias do Visual Merchandising: tendencias, valor dos estudos de mercado e dos plans de negocio, ciclos de vida, técnicas de display, transcendencia do deseño da iluminación… A continuación, para terminar a visita, escoitamos a Marcos Samaniego e coñecemos con detalle a súa ampla traxectoria profesional, vinculada ao interiorismo comercial e de hostalaría.