Durante 2 días, Málaga foi o epicentro do deseño nacional e a nosa escola participou del: Transferencias Málaga 2016 foi encontro multidisciplinar creado pola Red Española de Asociaciones de Diseño (READ) e a Confederación de Escuelas de Arte, en colaboración con Telefónica I+D, que reuniu en La Térmica-Diputación de Málaga aos referentes do sector no noso país nunhas proveitosas xornadas de traballo.

En Transferencias Málaga 2016 estiveron desde empresas a institucións, pasando por centros formativos como o noso e asociacións arredor dun tema de debate: os novos perfís profesionais do deseño. Cun formato de simposio, contou con catro seminarios en paralelo: Deseño gráfico e comunicación, Deseño industrial ou de produto, Deseño de espazos e interior e Deseño de moda e tendencias. Cada un destes grupos de traballo encargouse de investigar, poñer en común ideas e elaborar propostas para seren difundidas posteriormente.

A nosa escola estivo presente no primeiro deles (Seminario de Deseño Gráfico e Comunicación) con outras escolas de arte do país, asociacións, expertos e profesionais do deseño conversando sobre como podemos, entre todos, acadar unha profesionalización do deseño gráfico e a comunicación para o futuro.

A partir deste punto de partida, o simposio serviu para adentrármonos na realidade da profesión e tentar responder a preguntas máis concretas: En que departamento traballan os deseñadores nas grandes corporacións? Que competencias teñen? Que formación? Cal foi a súa traxectoria despois de saír da escola? Como se relacionan as escolas cos profesionais do deseño? A nosa Natalia Crecente participou de xeito activo coas súas intervencións.

O encontro Transferencias Málaga ten a súa orixe nos Encuentros Nacionales de Asociaciones de Diseño e serviu non só para reinvindicar o deseño como industria senón para xuntar e compartir experiencias de gran parte do sector. Ademais, estivo enmarcado no ambicioso proxecto da “Semana del Diseño de Málaga”, un evento de carácter internacional arredor do deseño, a innovación e a transformación social que reuniu na cidade andaluza diferentes actividades como a exposición “Gráfica publicitaria. Relaciones comerciales España-USA. Carteles de 1890 a 1961″, a participación de Owen Foster e Xènia Viladàs, xefa do Departamento de Deseño Industrial e profesora de Deseño de Servizos do Savannah College of Art and Design de Georgia (EEUU); de Jaime Moreno, Premio Nacional de Deseño 2015, entre outros moitos.

Podes atopar máis información sobre o encontro na páxina web de Transferencias

.