Presentación

A E.A.S.D. Ramón Falcón é un centro público dependente da Xunta de Galicia, polo que todas as súas ensinanzas teñen carácter oficial e validez académica e profesional en todo o espazo común europeo.

Adicada dende fai máis dun século á ensinanza das artes, actualmente completa a súa oferta formativa seguindo o marcado polo Tratado de Boloña, sumando ás súas clásicas ensinanzas de ciclos formativos superiores (Fotografía Artística, Gravado e Cerámica Artística) e medios (Serigrafía), as dos Títulos Superiores de nivel de Grao nas especialidades de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores, equivalentes a todos os efectos ao título universitario de Grao.

O noso obxectivo é contribuír a formar persoas que comprendan, valoren e poidan participar no deseño e as artes sen perder de vista o mercado laboral próximo e o afastado. Por iso, os estudos compleméntanse con prácticas nun amplo abanico de empresas que representan as principais saídas profesionais.

Para acceder aos distintos estudos ofertados é necesario superar unhas probas de acceso específicas, e anualmente o Ministerio de Educación e Ciencia convoca unha serie de bolsas.

As súas aulas, moitas delas obradoiros de ensinanza individualizada e práctica, están nun contexto privilexiado, tanto propio centro como polo seu contorno, compartido co campus universitario, o Conservatorio de Música e Danza e a Escola Oficial de Idiomas.

Sede

“Este edificio, relativamente pouco coñecido, pasa por ser un dos máis interesantes da arquitectura construída en Lugo durante o último terzo do século XX. Foi inaugurado polos Reis en 1976, sendo director xeral de Belas Artes o lucense D. Ramón Falcón, que tamén xestionará os fondos necesarios para levar adiante a “operación limpeza” da muralla, que permitiu eliminar as vivendas arrimadas ao monumento romano (…). O proxecto baséase na definición individual de cada aula con superficies variables e cubertas a un auga enlazadas por unha zona cuberta aberta ao xardín interior (…). O coidado nos detalles é outra das súas características, entre as que hai que destacar o lousado da cuberta e os muros de laxas de xisto que mimetizan os volumes coa arquitectura popular do contorno. A estrutura metálica está revestida con madeira e deixa percibir a súa funcionalidade (…)”.
“Guía de Arquitectura de Lugo”
Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Instalacións e servizos

Servizo de reprografía

Desde onde poden realizarse fotocopias en branco e negro e cor. Na conserxaría do centro pode adquirirse previo pago unha tarxeta, cun determinado número de copias que pode recargarse unha vez terminado.

Servizo de informática

Desde onde un amplo equipo de profesionais supervisa de xeito continuo o mantemento dos equipos informáticos do centro.

Sala de exposicións

Un amplo espazo onde se expoñen os traballos máis interesantes do alumnado de ciclos formativos e estudos de grao. Esta sala convértese nun expositor da actividade realizada nos diferentes estudos da Escola durante o último curso académico.

Salón de actos

Un espazo polivalente con capacidade para aproximadamente 100 persoas no que se desenvolven obradoiros, xornadas, relatorios e outras actividades extraescolares relacionadas cos estudos que se imparten no centro.

Biblioteca

Conta con máis de 1000 exemplares especializados no deseño gráfico, deseño de interiores, cerámica, gravado, fotografía e serigrafía, que poden ser consultados polo alumnado en horario lectivo. Este espazo tamén dispón de ordenadores de consulta, impresoras e plotters que usan tanto profesores como alumnos.

Servizo de Relacións internacionais

A nosa escola promove intercambios con empresas e institucións de países veciños co fin de facilitar a mobilidade do alumno a través do programa Erasmus+.

Unidade de Xestión Académica

Que tramita os aspectos relacionados co expediente e as necesidades académicas do alumno (prácticas en empresas, bolsas, traslados de expediente, convalidacións…).

Cafetaría

Aberta de 8:30 da mañá a 9:00 da noite, ofrece servizo a profesores e alumnos.

Servizo de bolsa de traballo e prácticas en empresas

Para facilitar a incorporación ao mundo laboral do noso alumnado. Todos os estudos do centro contan no seu currículo con módulos e disciplinas relacionadas coa realización de prácticas nas empresas máis destacadas dos distintos ámbitos profesionais. Durante a realización destas prácticas o alumno conta en todo momento co apoio e supervisión dun titor que, ademais de facer un seguimento da súa actividade diaria dentro da empresa, soluciona todas as dúbidas que poden xurdir durante a súa estancia na empresa.

Platós fotográficos

Na actualidade a Escola dispón de dous espazos orientados ao desenvolvemento dos contidos prácticos de módulos e materias de fotografía e medios audiovisuais, dentro dos estudos de Grao de Deseño Gráfico e do Ciclo Formativo de Grao Superior de Fotografía. Estes dous platós tamén intentan responder ás necesidades de todos aqueles alumnos do centro que precisen usar material fotográfico profesional nos seus traballos e proxectos.

Ademais de todos estes servizos a nosa escola dispón dunhas instalacións adaptadas aos novos tempos, con aulas de informática con equipos Mac e PC, laboratorios de fotografía, obradoiros de cerámica e serigrafía, gravado e estampación.