Se París ben vale unha misa, Arco, a Feira Internacional de Arte Contemporánea de Madrid, ben vale unha visita!. E alí tiñamos que estar a Escola neste 2016 para celebrar o 35 aniversario da que é, sen dúbida a feira de arte máis importante de España.

O pasado 26 de febreiro, 12 alumnos da escola viaxaron a Madrid para revisar as novas tendencias artísticas e a foto fixa do mercado artístico actual coas máis de 200 galerías que este ano presentaban as súas pezas. Alí chegamos a primeira hora da tarde do venres para intentar aproveitar o máximo posible a nosa estadía nun evento que nunca deixa indiferente a quen o visita.

Mais non só de ARCO vive Madrid. O sábado, a primeira hora da mañá, collemos rumbo ao Museo del Prado para centrar a nosa ollada na espectacular colección permanente do museo dos museos españois e as interesantes exposicións temporais que se atopaban naquela altura: un dos “revolucionarios” artísticos do século XIX e comezos do XX que poderiamos considerar precursos de Picasso, Ingres; e unha outra sobre George de la Tour, un deses autores famosísimos no seu tempo e que pasaría a un segundo plano ata que foi redescuberto no século XX.

O Museo Thyssen foi outra das “paradas obrigatorias” artísticas que tivemos a ocasión de aproveitar. Tamén puidemos empaparnos das orixes e da evolución do divisionismo da man dos seus principais protagonistas grazas á Fundación Mapfre e á mostra Del Divisionismo al Futurismo.

Pola súa parte, algúns alumnos de Deseño de Interiores puideron facer unha escapada ao Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid para visitar a mostra de arte contemporánea.

O Espacio Fundación Telefónica tamén foi unha das marcas no mapa da nosa visita. Alí agardábanos os límites da imaxinación que deseñou Julio Verne a través das súas obras, unha exposición fascinante que pretendía revisar o autor a través dunha viaxe polos seus personaxes, as súas invencións, o seu mundo e as fronteiras ás veces invisibles entre ficción e realidade. Con El Arte en el Cómic revisamos a paixón que algúns dos mellores historietistas e ilustradores contemporáneos teñen pola historia da pintura.

Como aínda non era abondo, tamén tivemos tempo para pasar polo CentroCentro de Cibeles Cultura y Ciudadanía, que se consolida como o terceiro lugar cultural-museístico da capital. A ocasión era perfecta pois o seu interior acollía unha das maiores mostras monográficas que se fixeron en España da obra do pioneiro da arte abstracta e un dos pintores vangardistas máis destacados: Wassily Kandinsky.

Coa cámara chea de fotos como as que poidedes ver ao comezo deste post, os nosos alumnos regresaron o domingo 28 de febreiro desta viaxe tan proveitosa con ganas de facer outra e coa mágoa de non ter máis tempo para nos demorar un pouco máis con tanto como se podía facer.

Arco 1