O pasado xoves 21 de setembro, Esther Muñoz e Natalia Crecente representaron á EASD Ramón Falcón de Lugo na primeira reunión do grupo de traballo creado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), dentro do proxecto Design 4 Innovation que financia Interreg Europe.

Trátase dun proxecto colaborativo de oito socios europeos que traballan co obxectivo de promover o deseño como ferramenta de innovación, co usuario como centro. Así, a idea é buscar maneiras de axudar a pequenas e medianas empresas a crear produtos e servizos máis atractivos, sendo máis rendibles e crecendo máis rápido. A fin de contas, mellorar a competitividade das pemes europeas, dado que as análises e investigacións amosan que aquelas empresas que invisten estratexicamente en deseño tenden a crecer máis rápido. O obxectivo final é que ata 2.000 se beneficien dos instrumentos de apoio xerados.

O grupo de traballo no que tomou parte a nosa escola pertence á primeira fase do proxecto. Foi o primeiro dos sete obradoiros temáticos programados, no que empregamos unha metodoloxía baseada no intercambio de experiencias. Neste caso analizamos o ecosistema do deseño en Galicia.