Categories: Titulacións

Aquí tedes 7 webs que todo profesional ou amante dos gravados ten que coñecer. Porque, que sería de todos nos sen o noso amado internet?

Calcografía Nacional

A Calcografía Nacional foi creada hai máis de 200 anos para acometer importantes proxectos de gravados xurdidos no marco da política ilustrada. Na súa sede reúne un extraordinario conxunto de pranchas gravadas polos artistas españois máis significativos desta variedade artística.

Aínda que deberías pasarte polo museo de forma física, aquí tes a súa web para botarlle un ollo a súa estupenda colección.

Museo del Grabado Español Contemporáneo

O Museo del Grabado Español Contemporáneo foi inaugurado o 28 de novembro de 1992 en Marbella, tomando como base a primeira doazón composta de 1.350 obras gráficas de autores contemporáneos. A partir de aí, o museo foi medrando ata a actualidade en que é todo un centro vivo de reflexión e de acción arredor da arte en xeral e do gravado en particular.

Se aínda non o coñeces, podes facer un percorrido virtual na súa páxina web.

Feria Internacional de Bilbao

A feria FIG Bilbao, con só 4 anos, xa se consolidou como unha das citas de maior importancia internacional no mundo do gravado, a estampa e a arte sobre o papel. Na súa páxina web poderás estar informado sobre as novidades da edición deste ano, que terá lugar entre o 19 e 22 de novembro, así como repasar o que deron de si as edicións anteriores

Foro del Grabado

As redes sociais tamén están sendo unha ferramenta xenial para os artistas non só como xeito de comunicarse con outros profesionais, senón tamén para aprender de compañeiros e expertos, debater, coñecer novidades… O Foro del Grabado é a mostra. A través dun grupo na plataforma Facebook, nada menos que 8.000 persoas conversan co gravado como único protagonista.

Arte Procomún

Arte Procomún é unha páxina persoal de Juan Carrete Parrondo onde poderás atopar unha moi abondosa documentación e estudos sobre a Historia da Arte Gráfica, desde vídeos a ensaios, pasando por documentos históricos, imaxes…

Original Prints

Original Prints ofrce a oportunidade de localizar gravados e orixinais das principais galerías e distribuidores do mundo, e mesmo ten un servizo gratuíto que che permite rexistrar os artistas nos que podes estar interesados e recibir un correo electrónico cando se engaden gravados ao sitio web.

Ademais permite ver as imaxes en boa calidade, que che poden servir de inspiración ou para realizares os teus traballos.

Art of the Print

Outro repositorio interesantísimo, ademais de venda directa, é Art of the Print, cunha ampla selección de obras de arte internacional: gravados, litorgrafías, pintuas, acuarelas, debuxos e outros medios orixinais de arte gráfica que datan desde a época do Renacemento ata a actualidade.