Aínda falta moito outono, ou cando menos que chegue realmente, e algo de inverno para poder estrear oficialmente 2016. Con todo, xa comezan a facerse os primeiros prognósticos sobre cara a onde camiñará o deseño web no vindeiro 2016.

Como ben saberedes, o deseño web está en constante avance e mesmo dun ano para o outro son moitas as novidades que nos depara. Se no «afastado» 2014 o último eran as solucións «parallax» e neste 2015 predominou o «flat design», espazos especializados comezan a deseñar as claves polas que circularán as tendencias para o vindeiro ano.

Aquí tes 4 propostas novas (e algunhas antigas) que están collendo forza:

Flat design 2.0

En poucos anos pasamos do predominio dos webs recargados a un grande minimalismo, onde o prime o contido. O deseño deuse en chamar «flat design» e está copando a rede.

O «flat design» xurdiu para cubrir unha necesidade: a importancia que están a ter as tabletas e smartphones no consumo de internet. Con todo, houbo un grande esquecido: as tradicionais pantallas de ordenadores, onde este tipo de deseño non é tan intuitivo.

O novo logo de Google dános unha pista: todo semella indicar que o «flat design» seguirá sendo a principal elección dos e das deseñadoras web aínda que, segundo se ten visto nos últimos meses, con algunhas innovacións: tendencia aos gradientes de cores, as sombras, os movementos… co fin de mellorar a experiencia no consumidor «tradicional» vía PC.

A tipografía como marca

Seguro que xa o notaches: a tipografía é cada vez máis un sinal de marca dentro do deseño web. Non vale xa coas verdanas, as arial e demais familias de fontes que aínda hoxe seguen sendo as máis empregadas na rede. A tipografía converteuse nun trazo distintivo, nunha profunda imaxe de marca.

Todo semella indicar que esta será unha das chaves no deseño web do vindeiro ano: o uso combinado de tipografías distintivas, especialmente claras, elegantes e compatibles para todo tipo de dispositivos, como Nixie one, Merriweather, Lato, Raleway

Scroll vertical infinito?

A aparición dos dispositivos móbiles non só trouxo consigo a expansión do deseños adaptativos ou responsives senón que tamén implicou outros cambios máis sutís. Pola túa experiencia como usuario decatácheste de que hoxe é cada vez máis común achar webs onde case sen premer tes acceso a case todo o contido completo.

O «scroll vertical» ou as páxinas «todo nunha» chegaron para quedarse: procúrase unha mellora da experiencia nos usuarios que acceden mediante teléfonos e tabletas e mentres este sexa predominante seguirá continuando. Son malas novas, iso si, para os amantes das analíticas, pois nalgún caso vese minguado o número de «clicks» a favor, iso si, de máis tempo de permanencia nas páxinas.

Ante todo, orixinalidade

Como vimos nos parágrafos anteriores, nos últimos anos asistimos á adopción de case o mesmo patrón de deseño. Aínda é moi cedo para sabermos cales serán as grandes correntes que nos agardan, mais con todo o que se comeza a albiscar é a procura de mellorar e de «rachar» dentro do posible coas actuais tendencias.

O efecto parallax, o flat design, o material design foron tamén probas que chegaron para quedarse. Cal será a próxima?